O comercio denuncia “acoso policial” en Sabarís

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís denuncia que o comercio da zona “reséntese nas súas vendas vítimas do acoso policial sen entender o por que”. Consideran que a poucos meses dunha regularización definitiva por un proxecto de humanización, “o acoso por parte da policía local que estamos a sufrir os comercios e os nosos clientes, non ten sentido e é desproporcionado, tanto polas formas como polo tempo que dedican a estar diante da porta dos nosos negocios, máxime cando nestes momentos en Sabarís (así como noutras zonas de Baiona) están a producirse roubos como o que sufriu recentemente unha veciña de avanzada idade”.

Aseguran que “coa nosa actividade só queremos seguir dando vida ás rúas, crear, manter e non destruír postos de traballo, e atender aos nosos clientes con toda a nosa profesionalidade, agarimo e respecto como o levamos facendo desde sempre. Queremos unha solución xa”.

A finais do pasado mes de marzo unha parella de axentes da Policía Local comezou a sancionar a pé aos vehículos que se atopaban estacionados en ambos os dous sentidos no tramo de Julián Valverde comprendido entre o cruzamento coa Avda. José Pereira Troncoso e a Praza de Victoria Cadaval. Máis tarde foi a quenda do guindastre municipal, que rematou o empezado polos efectivos e que acabou dando como resultado un viario inusualmente deserto en xornada laboral.

A medida divide a veciños e comerciantes. Mentres que uns aseguran non entender como “sen motivo aparente e dun día para outro” as multas sufriron un aumento exponencial, outros reclaman precisamente que se recupere a normalidade nunha zona considerada por moitos como “terra de ninguén, caótica e mesmo perigosa”.

Raúl Costas, concelleiro de Seguridade, explicaba que se trata dunha orde interna en resposta a numerosos escritos enviados polos veciños da zona e da Asociación Castro e Ladeira de Sabarís, coa que ademais mantiveron unha reunión relativa a seguridade e na que falaron precisamente sobre este punto do viario baionés. “O seu presidente, Marín Otero, pediunos que se actuase nesta e outras zonas, e cuxas peticións tamén nolas fixo chegar por escrito en repetidas ocasións”, explicou.

O responsable de área engadía que as patrullas a pé continuarán polo municipio como medida disuasoria aínda que tamén para intensificar a vixilancia en zonas nas que están a aumentar os roubos, como a zona dos Tendais e o casco antigo. En canto aos rumores acerca de multas indiscriminadas, Costas Lafuente matizaba que tan só se tramitaron un total de sete sancións, “unha cifra discreta se temos en conta a cantidade de vehículos que estacionan aquí infrinxindo as normas”.

Por outra banda Costas lembraba que Sabarís é unha das zonas que goza de máis bolsas de aparcadoiro “co que facelo ben non resulta complicado en exceso”.

Anuncios