Chega unha cita que o Vigo-Rías Baixas ten desde hai tempo entre cella e cella. Este domingo dispútase o Memorial Valenciaga, a carreira por excelencia da Copa de España. Avalados pola boa imaxe ofrecida nas seis xornadas anteriores do certame estatal, os corredores da estrutura presidida por José Luis Chamorro soñan con asinar unha xesta en Eibar.
O rendemento ofrecido na anterior proba celebrada no País Vasco convida o optimismo. Na Aiztondo Klasikoa, o pasado 10 de marzo, Carlos Cobos finalizou sexto e Samuel Blanco sétimo. O estremeño e o galego volverán ser as puntas de lanza do conxunto olívico no Memorial Valenciaga e xunto a eles estarán Julián Barrientos, Sergio Álvarez, Jaime Guzmán, Sergio Arias e David Domínguez.
A 48ª edición desta clásica presenta o que quizais sexa o perfil máis selectivo da Copa de España. Nos 167,5 quilómetros de percorrido sóbense seis portos puntuables: dous de terceira categoría, tres de segunda e un de primeira. O final en Eibar non é no alto, pero a estrada pica constantemente para arriba nos últimos quilómetros.
Aproveitando a dureza deste trazado, os escaladores do Vigo-Rías Baixas buscan dar un salto na clasificación xeral. Cobos ocupa nestes momentos a undécima posición, Blanco é decimo sétimo e os pupilos de Gorka Beloki aparecen no sexto posto da táboa por escuadras.
Costeleta e Bidasoa
Ás 09:00 horas darase a saída en Eibar e unha hora máis tarde a formación flúor tamén entrará en acción en Segovia. A localidade de Cuéllar acolle a LXI edición da Clásica da Costeleta, competición Elite e Sub23 puntuable para o Ránking da Real Federación Española de Ciclismo. O Vigo – Rías Baixas, segundo clasificado Elite, acode a esta carreira cunha aliñación integrada por Óscar Justo, Lois Rodríguez, Miguel González, Víctor Hernández, Alejandro de Rozas, Alejandro Martínez Bayán, Jorge González e Antonio Barbero.
O intenso calendario do equipo para este 2019 viuse ampliado nas últimas horas coa invitación para participar no mes de maio na Volta ao Bidasoa. Os organizadores desta prestixiosa rolda guipuscoana abriron por primeira vez as súas portas á entidade con sede en Vigo.

