O pleno do concello de Nigrán reprobou ao alcalde pola pouca dilixencia na defensa do patrimonio municipal ao permitir durante un ano e catro meses que unha das empresas que lle fixo a campaña electoral ao PSOE nas eleccións municipais de 2015 tivese un valo publicitario sen licenza en Prado.
O pasado 21 de marzo de 2019 a comisión informativa de asuntos xerais ditaminou favorablemente unha moción presentada por Nigrán Decide na que o Pleno Concello de Nigrán acordaba instar ao Alcalde a retirar dito valo publicitario dos terreos municipais nos que estaba instalado, no prazo de 10 días naturais.
Na moción tamén se acordaba informar dos feitos ás administracións do Estado e da Xunta de Galicia, polo que o goberno municipal actuou, procedendo á retirada do valo publicitario o día 26 de marzo, 5 días despois do ditame favorable da comisión informativa de asuntos xerais.
“Este feito demostrou que o goberno municipal non actuou de forma dilixente durante dezaseis meses, entrándolle as présas cando outras administracións ían ter coñecemento do seu abandono de funcións na defensa do patrimonio”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que, “como xa anunciara o grupo municipal, o goberno, en vez de iniciar un procedemento de reposición da legalidade urbanística, tiña que, directamente, retirar ese valo, como faría calquera persoa ou entidade á que lle instalan un valo en terreos da súa propiedade. Ao final, ao retirar o valo en cinco días, confirmouse que o goberno con estas actuacións dilatorias, na práctica estaba consentindo que unha das empresa que lle fixo a campaña electoral no ano 2015 se lucrase a costa do patrimonio municipal, feito polo que foi reprobado polo pleno”, finaliza Cuevas.

