Nigrán acolle a cuarta edición da Clásica Manuel Alfaro

Este sábado, 6 de abril, terá lugar en Nigrán a cuarta edición da Clásica Manuel Alfaro, evento de regularidade para vehículos clásicos organizada pola familia do lembrado piloto de clásicos que lle dá nome, contando coa colaboración da Escuadra Vigo Clásicos e co apoio imprescindible e incondicional dun gran número de patrocinadores e colaboradores como Administradora O Castro, Organiza T, Concello de Nigrán, Cimalab, CimaClassic, Rodovigo, Fontanería Varela, NX Sport, Instalacións Guixar, Galides, Concello de Tui, Agua Sana e, non menos importante, Adega Crego e Monaguillo.

Os case 60 vehículos participantes concentraranse no parque pechado, situado este ano no Centro Cultural A Camoesa, en Camos-Nigrán, a partir das 12:00 do mediodía, onde degustarán unha típica paella. Alí poderanse ver vehículos clásicos habituais nos rallyes dos anos sesenta, setenta e oitenta como Mini MKII, Porsche 911, BMW 2002, Ford Escort, Renault Alpine A310, Seat 124, Renault Alpine A110…. e outros moitos. Todos os vehículos participantes teñen máis de 30 anos de antigüidade. Os coches empezarán a saír do parque pechado a partir das 16:00 horas, circulando cada trinta segundos, para percorrer diferentes estradas de Nigrán e Gondomar. A partir de aí sairán en dirección Valladares para seguir ruta cara a Tui, onde realizarán unha parada sobre as 17:30 no Paseo da Corredoira, por cortesía do Concello de Tui, para repoñer forzas e continuar cara a Malvas, Tebra, Torroña e Oia, onde terminarán o seu percorrido no Restaurante “Lugar”, para pasar á cerimonia de entrega de premios e cea de fin de rally.