Nigrán abre o prazo de inscrición da IX edición da Travesía a nado Costa Serena

Nigrán acollerá o próximo 7 de xullo a IX edición da Travesía a nado Costa Serena, en Praia América. Esta proba é unha das travesías con maior participación de toda Galicia e espera reunir a máis de 500 nadadores procedentes de todo o noroeste peninsular.

As inscricións poderán realizarse desde o luns 8 de abril ás 10:00 horas ata o 2 de xullo ás 12:00 horas a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) e, de forma presencial, nas oficinas de Turismo de Nigrán (a partir do 15 de xuño) e na tenda Ciclos Boyer Vigo. O regulamento e a información da travesía están dispoñibles na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es.

Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha participación de preto de 400 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros, que terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros, consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao punto de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil e kaiaks seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos entre 5 e 13 anos. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros).

Premios

Na probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba reina. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

A zona de concentración dos nadadores será as instalacións deportivas Dunas Gaifar, a partir das 09:00 horas.

Aqueles interesados en participar na travesía poderán realizar as inscricións na páxina web de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) do 8 de abril ao 2 de xullo ás 12:00 horas. Tamén se poderán inscribir, de forma presencial, nas oficinas de turismo de Nigrán (a partir do 15 de xuño) e na tenda Ciclos Boyer Vigo, onde se obterá un 20% de desconto na compra de material de natación.

O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 21 euros, 19 euros a de 2.700 metros e 17 euros a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas e medallas aos tres primeiros clasificados na proba de 4.000 metros, un aperitivo, un xeado e participación no sorteo de material deportivo.

As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros e inclúe: camiseta, gorro, lentes, avituallamento, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil, medallas para todos os participantes, un aperitivo e un xeado.