O Salón de Plenos de Nigrán acolle unha mostra de esculturas de José Miguel Ruiloba

O Salón de Plenos do Concello de Nigrán acolle ata o 23 de abril unha mostra de esculturas en madeira de José Miguel Ruiloba, veciño do municipio. Trátase de 62 pezas talladas en madeiras como kiwi, castaño, nogueira, pino, eucalipto ou bidueiro. A maioría delas son de inspiración étnica pero tamén hai animais, bastóns ou xarróns. Todas están traballadas a man dende un debuxo previo e con madeiras recicladas que foi atopando ao longo de 30 anos de afección na praia, montes, etc. «Xamais merquei un anaco de madeira, todo é con material que fun atopando», sinala José Miguel, artista autodidacta que tamén esculpe en pedra. A mostra, aberta ata o 23 de abril, pode visitarse de luns a venres no salón de plenos de 9:00 a 14:00 horas.

Anuncios