Unha caída frustra unha situación ideal do Vigo-Rías Baixas en Torredonjimeno

A mala sorte impediu ao Vigo-Rías Baixas executar a última parte dun plan que ía como unha seda na Clásica Cidade de Torredonjimeno. Coroado o último porto, a estrutura presidida por José Luis Chamorro contaba con cinco representantes no grupo de cabeza, pero unha caída de Carlos Cobos obrigou ao equipo a baleirarse en favor do seu mellor clasificado na Copa de España. O esforzo colectivo permitiu ao corredor estremeño salvar a xornada e os pupilos de Gorka Beloki tiveron que conformarse coa recompensa da quinta praza na táboa por escuadras.

Os ciclistas que visten de rosa no certame estatal para dar visibilidade á loita contra o cancro estiveron moi activos nos 160 quilómetros de percorrido por terras xienenses. David Domínguez, na súa estrea na Copa de España, filtrouse na primeira fuga importante do día. Despois moveuse Samuel Blanco e a escapada da que formou parte o redondelán coroou na cabeza o primeiro porto da xornada, o Alto de Locubín (km 108), de 1ª categoría.

O ataque na segunda e última ascensión protagonizouno Sergio Arias. O costarriqueño saltou do pelotón xunto a outros dous corredores nas ramplas de Valdepeñas, de 2ª categoría. A pesar das boas pernas mostradas por este trío a carreira volveu compactar e entrou lanzada con valor nos últimos 40 quilómetros.

No descenso de Valdpeñeas cinco ciclistas do Vigo-Rías Baixas marchaban no grupo principal: Cobos, Domínguez, Arias, Blanco e Julián Barrientos. Só faltaban Alejandro Martínez Bayán e Gabriel Ochando, que se baleiraron en favor dos seus líderes no tramo inicial. A situación era ideal ata que Cobos foise ao chan cando loitaba polos primeiros postos.

A caída do corredor de Azuaga obrigou a parar aos seus compañeiros, que conseguiron reintegralo no grupo principal antes de cruzar a liña de meta. Sergio Martín (Caja Rural) impúxose en solitario con 19 segundos de vantaxe sobre unha vintena de perseguidores na que Cobos ocupou a 18ª posición. Nove segundos máis tarde terminou Barrientos (22º) e a continuación chegou Blanco (26º). As posicións destes tres ciclistas outorgaron a quinta praza ao Vigo-Rías Baixas na clasificación por equipos.

Arias (50º), a 6:11; Bayán (63º), a 8:03; Domínguez (68º), a 9:01; e Ochando (89º), a 14:03, tamén completaron esta sexta xornada da Copa de España. O certame estatal regresará o vindeiro domingo cunha das súas citas máis prestixiosas, o Memorial Valenciaga.

Anuncios