O voceiro municipal de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, acusa ao alcalde, Paco Ferreira, de impedir o control democrático e a fiscalización do seu goberno en minoría, e tamén o traslado ao pleno das iniciativas da oposición como representantes lexítimos da cidadanía, xa que leva 3 meses sen convocar plenos, ordinarios ou extraordinarios, cando o Regulamento Orgánico do Concello obriga a realizar unha sesión ordinaria por mes.
“Coa expulsión irresponsable do Goberno Municipal dos concelleiros de Manifesto Miñor, Paco Ferreira eliminou a única posibilidade que quedaba dentro do goberno de entender a política municipal como un feito de transparencia e de participación cidadá. Ese feito fixo evidente a nula capacidade do Alcalde para establecer consensos, para o diálogo e para respectar os acordos”, sinala Araújo.
Segundo o voceiro de Manifesto Miñor, a deriva autoritaria do Alcalde viuse acentuada nos últimos meses, incluso, vulnerando dereitos básicos e fundamentais dos concelleiros da Corporación Municipal. “O que leva acontecendo nos últimos meses non ten parangón en Gondomar nos 40 anos que levamos de corporacións municipais democráticas con alcaldes de todas as cores políticas”.
Araújo asegura que volven as maneiras da vella política caciquil, “que algúns críamos desterradas de Gondomar para sempre, e o máis triste é que veñen da man dun alcalde que se di Socialista”.
Segundo o ex tenente de alcalde, última “alcaldada” de Paco Ferreira é obrigar aos concelleiros de Manifesto Miñor a solicitar por escrito o acceso ás Actas dos Plenos, cando son documentos públicos de libre acceso e que tiñan que estar todas elas publicadas puntualmente na Web Municipal. Araújo indica que en concreto solicitouse unha do mes de abril de 2018 “que por estrañas razóns aínda non foi publica na web”. A maiores, aínda están agardando polo acceso a determinados expedientes, cuxa petición foi realizada hai máis de 4 meses e incluso un ano.
“De todo este colorario de despropósitos e vulneracións democráticas, Manifesto Miñor vainos poñer en coñecemento da Valedora do Pobo, que no plano político veñen a demostrar o nerviosismo pre electoral de Paco Ferreira e a súa deficiente ou equivocada idea da democracia”, conclúe Araújo.

