A ata agora concelleira de Cultura e tenente de alcalde de Baiona, María Iglesias, foi cesada onte das súas funcións polo alcalde Ángel Rodal, tras darse a coñecer oficialmente que encabezará a lista de Vox para as municipais, ademais de ir de número 4 para o Congreso por Pontevedra.
Rodal pola súa banda argumentou a decisión tomada a unha “perda de confianza” e segundo asegurou a día de onte non recibira a solicitude algunha de renuncia, xa que tal e como afirmou en varios medios de comunicación as intencións de Iglesias serían as de continuar ostentando as súas funcións xa afiliada a outra agrupación política. Un caso flagrante de transfuguismo que provocou a baixa automática do Partido Popular, nese caso vén recollido explicitamente no artigo 9.1 dos seus estatutos, segundo explicou o alcalde. Rodal, pola súa banda, afirmou respectar a decisión da súa antiga número dous mantendo que “hai momentos nos que as persoas deciden que camiño tomar, pero o certo é que ninguén pode estar en dous partidos á vez”.
En canto ás cinco áreas que ostentaba Iglesias Rodal adiantou que por agora recaerán na súa persoa aínda que para os próximos plenos estudará a posibilidade de repartilas entre os integrantes do seu equipo, que polo momento se reducen a 6 tras a renuncia da concelleira de Igualdade Carmen Paredes; a edil de Turismo Beatriz González e a de Cultura, María Iglesias, que xa forman un grupo de non adscritas. Sobre Paredes, a única das tres que renunciou tanto ao cargo como á acta, mantén que xa ten substituto e darao a coñecer nos próximos días. A reestruturación forzada e apenas un mes antes das eleccións finalizará co nomeamento dun novo tenente de alcalde, que probablemente recaerá no concelleiro do Accesibilidade, Policarpo Vilar Misa, aínda que a nova lista para maio presentaraa mañá sábado no Auditorio V Centenario, e estará composta por 23 persoas.
E é que a intencionalidade da ex tenente era un segredo a voces desde que anunciou a súa marcha do PP hai 20 días, aludindo falta de entendemento con Rodal aínda que as supostas especulacións onte convertéronse nunha decisión en firme. “Unha lista de 20 persoas non se fai en cinco días, ata agora todo se baseaba en hipóteses pero se empezas a ver cara atrás moitas cousas encaixan”, explicou o rexedor ao mesmo tempo que asegurou que “casualidades non hai co que a súa decisión non me colleu por sorpresa”. De calquera modo Rodal mantén que Iglesias se desdixo nas súas declaracións. “Hai algo máis de dúas semanas anunciou que seguiría traballando por Baiona e polo Partido Popular ata as eleccións, con todo onte xa non falaba da nosa agrupación. É unha situación peculiar porque ela era o meu número dous”, aclarou.

