“La catarsis emocional de Jude”, unha viaxe a través das cancións de The Beatles, en Gondomar

O Auditorio Lois Tobío de Gondomar acolle este sábado día 30 de marzo ás 20:30 horas a obra “La catarsis emocional de Jude”, dirixida por Juan Bas e que conta con 60 persoas en escena de diversas idades entre actores, músicos e bailaríns.

Nesta obra, dividida en tres actos, embarcámonos nunha viaxe a través de distintas cancións da tan coñecida banda de rock dos 60, The Beatles. A concatenación de diferentes cancións lévannos da man por unha travesía de crecemento persoal que experimenta a protagonista a través do mundo dos soños. Mestúranse aspectos tan coñecidos como as famosas cancións do grupo británico, versionadas por artistas locais, con elementos subxectivos que farán reflexionar ao espectador.

Do mesmo xeito que en toda obra de autor, o director desta peza teatral admite que hai experiencias persoais das que se serviu para escribila. Marabilloso exercicio visual e sonoro que trasladará á súa mocidade ao público máis experimentado e que achegará clásicos da música rock dos 60 aos máis novos.