A NigránH2KPlaza, que se disputa o sábado, consolídase como un evento familiar

A cuarta edición da NigránH2KPlaza, que se disputará o vindeiro sábado, será de novo unha cita deportiva para toda a familia. A organización desvelou na presentación oficial o amplo cartel de actividades que se desenvolverán ao longo da tarde. Ademais dunha clase de zumba, tamén haberá probas para os máis novos e dúas distancias para os adultos. A saída e chegada estará situada en Campo das Redes. As inscricións están abertas na web nigranh2kplaza.com.

“É unha proba singular e cun gran atractivo”. Así o afirmaron todos os presentes nun acto de presentación no que desvelaron que estaban dispostos a participar na carreira. Nese sentido expresouse Raquel Giráldez, tenente de alcalde do Concello de Nigrán. Explicou que “é un orgullo poder ter unha actividade deportiva destas características. Ademais, consolidouse como unha das máis importantes dentro da axenda deportiva de todo o ano”. Tamén Ángel Rodal, alcalde de Baiona, que recoñeceu ademais “o gran mérito de ser unha proba interesante e moi participativa. Para todos. Ese é parte do seu atractivo”.

Guillermo Reinaldo, en representación da Secretaría Xeral para o Deporte, animou “a continuar no futuro con este proxecto. Fomentar o deporte sempre é unha gran idea”. Luís Sanromán, concelleiro de deportes de Nigrán, mostrouse convencido de que “resultará un éxito”. No acto tamén se atopaban os representantes do Ximnasio Fitnes Plaza de Nigrán, que apoian á organización.

Segundo a axenda prevista para o vindeiro sábado, a partir das seis da tarde desenvolverase unha clase de zumba que será gratuíta para todos os asistentes. O ano pasado contou coa presenza de numerosas persoas de todas as idades. Despois, ás sete, darase saída á proba deseñada para os máis novos, con circuítos adaptados ás súas idades. Ás oito da tarde iniciarase a competición de adultos, que contará con dous percorridos, de cinco e dez quilómetros.

As inscricións están abertas e pódense realizar na web nigranh2kplaza.com. Espérase unha gran presenza de deportistas, tal como sucedeu na edición anterior. Na cuarta, os organizadores consideran que xa se converteu nunha das máis importantes da comarca viguesa.

Anuncios