Nigrán perdeu no ano 2018, 371 mil metros cúbicos de auga segundo se indica na información facilitada por Aqualia ao grupo municipal de Nigrán Decide.
“Ademais do custe medioambiental, as perdas de auga, que se contabilizan como a diferenza entre o volume de auga subministrado á rede de abastecemento e o volume de auga facturado, supuxeron durante os tres últimos anos un custe para Nigrán de 110 mil euros anuais, aproximadamente, cantidade que o Concello paga a Vigo”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “durante este mandato, entre os anos 2015 e 2018, o incremento do volume da auga perdido foi dun 15,28 por cento. No ano 2016, ultimo no que hai estatísticas sobre as perdas de auga, Nigrán perdía o 28,44 por cento da auga, 1 punto máis da media galega e 3 puntos máis que a media estatal”.
O contrato para a xestión integral do Servizo Municipal de abastecemento de auga e saneamento de Nigrán foi adxudicado no ano 1992, finalizando no ano 2017, e prorrogado 5 anos por este goberno, establece que durante os tres últimos anos da vida do contrato o Concello debe fiscalizar especialmente o mantemento e conservación da infraestrutura do servizo, esixindo as correspondentes reparacións.
Cómpre destacar que a comezos deste mandato, e como parte das 37 propostas que o grupo municipal de Nigrán Decide fixo ao actual goberno, estaba a realización da auditoría e a elaboración dos informes de fiscalización do mantemento e conservación da infraestrutura do servizo de abastecemento e saneamento da auga.
Como consecuencia desta proposta de Nigrán Decide, e para levar a cabo a fiscalización prevista no contrato, desde a aprobación dos orzamentos do ano 2016 existe unha partida de 22 mil euros para auditar esta concesión que nunca foi executada por este goberno.

