Sin categoría

O Cineclub Val Miñor Alice Guy proxecta este xoves “La Ciénaga”

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este xoves 21 de marzo ás 20:30 horas a proxección da película “La Ciénaga”, de Lucrecia Martel, ofrecida polo Cineclub Val Miñor Alice Guy-Blaché en colaboración co Concello de Nigrán de xeito gratuíto. Este novo cineclub de Nigrán, que colle o nome da primeira muller en ser realizadora dunha longametraxe, ofrece un filme cada penúltimo xoves de mes no Auditorio Municipal.

En febreiro, nos pantanos do noroeste de Arxentina, a sufocante calor mestúrase con choivas tropicais. A poucos quilómetros da cidade da Ciénaga, A Mandrágora é unha propiedade rural onde Mecha (Graciela Borges), pasa o verán cos seus catro fillos e un marido. Cada día sente máis deprimida e afoga as súas penas no viño. A súa curmá Tali (Mercedes Morán) ten catro fillos e tamén vive unha situación familiar en declive. Un día todo cambia, cando un accidente unirá estas dúas familias.