Os grupos terapéuticos para coidadores familiares de persoas con alzhéimer ou outras demencias, que imparte Afaga en colaboración coa Fundación Pasquall Maragall, impártense este ano en Nigrán. Comezarán en abril e realizaranse no Centro de Saúde Val Miñor, na Ramallosa.
Estas sesións terapéuticas teñen como finalidade ofrecer ao coidador as ferramentas necesarias para atender correctamente ao seu familiar enfermo e xestionar ben as súas emocións, é dicir, aprender a facer fronte á enfermidade de Alzhéimer no día a día.
Están dirixidas por unha psicóloga, e validada cientificamente. Os grupos estarán formados por 10 coidadores non profesionais, e a intervención terapéutica divídese en 14 sesións de 90 minutos, unha por semana, máis 6 sesións de seguimento e valoración da evolución.
Nestas sesións exponse temas relacionados coa enfermidade de Alzhéimer, como manexar determinadas situacións que se producen no día a día, a que recursos sociais teñen dereito; e abórdanse aspectos fundamentais como o autocoidado, como xestionar as emocións, a aceptación da enfermidade, técnicas de relaxación, etcétera.
As sesións son gratuítas e o único compromiso que se pide é a asistencia ás mesmas. Comezan en abril e a data límite de inscrición é o 27 de marzo de 2019. Máis información no teléfono de Afaga: 986 22 97 97 ou no correo electrónico: maxi@afaga.com.

