Anuncios
Ticker de novas

Un grupo de mulleres reúne 1.600 firmas para reclamar un local para a terceira idade en Nigrán

O Concello de Nigrán vén de encargar un proxecto de reforma das antigas casas dos mestres situadas ao carón da Casa Consistorial para reconvertelas nun local a disposición da terceira idade. A decisión foi tomada polo goberno local despois de que un grupo de mulleres do municipio presentase 1.600 firmas demandando máis servizos destinados aos maiores.

“Inicialmente estaba proxectado un arquivo para o Val Miñor pero coa construción da nova biblioteca xa se pode garantir ese espazo, polo que é prioritario atender a demanda destas veciñas creando un local para os maiores onde se poidan reunir e socializar; elas pedían que fose un sitio céntrico e este cumpre perfectamente”, explica o alcalde, Juan González. Baixo este propósito, o arquitecto nigranés Severo Fernández traballa xa nunha reforma que responda as súas necesidades e que abranga tamén ao perímetro das casas. “É o momento de que se humanice a contorna dándolle prioridade ao peón e creando un espazo máis amigable, estamos ao carón dun centro educativo e da casa consistorial, polo que ten que ser un punto neurálxico no que a veciñanza se senta a gusto e segura”, incide o rexedor.

Por outra banda, dende o Concello pídese unha vez máis celeridade a Tesorería General de la Seguridad Social para que aprobe a cesión do antigo centro de saúde de Panxón co obxectivo de adaptalo a un centro municipal para maiores. “Os nosos servizos xurídicos están en contacto coa Tesorería e é un obxectivo prioritario para o goberno local, pero mentres non se realice a cesión non podemos facer nada porque non é titularidade do Concello”, insiste González.

Anuncios
error: Contido protexido