Anuncios
Ticker de novas

UCN pide o soterramento das liñas aéreas eléctricas e de telefonía en chan urbano

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, presenta moción para o seu debate no pleno ordinario de marzo, pola que insta o alcalde para que ordene ás compañías distribuidoras do servizo eléctrico e telefonía que operan no municipio, que leven a cabo de forma inmediata un plan para o soterramento de todas as liñas aéreas nas zonas clasificadas como de chan urbano nas actuais Normas Urbanísticas, especialmente na urbanización Dunas de Gaifar, así como tamén en todo o litoral costeiro, tal e como dispón o Plan Básico Autonómico e as NNSS de plan municipal en vigor, así como dar traslado á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a obxecto de que impulse e articule os mecanismos de control que permita o cumprimento da normativa en vigor.

UCN lembra que na maior parte do chan urbano existen liñas de telefonía e eléctricas en instalacións aéreas de media ou baixa tensión en postes de formigón ou madeira que discorren pola maioría das rúas do municipio, especialmente en chans clasificados como urbanos nas Normas Subsidiarias de Plan Urbanístico do Concello de Nigrán (NNSS) e actualmente en vigor, dificultando en moitos casos o libre paso polas beirarrúas coa incomodidade que supón para os peóns, que non só producen un efecto antiestético, impacto visual negativo na contorna, así como tamén supón un atentado á paisaxe.

Precisamente o decreto 83/2018 polo que se aproba o Plan Básico Autonómico e publicado no DOGA número 162 do 27/8/2018, como instrumento de plan xeral básico e complementario de aplicación nos Concellos, establece unha serie de normas e entre elas tamén para acabar co feísmo, non só nas construcións senón tamén o que pode supoñer as liñas eléctricas e de telefonía aéreas, onde recolle expresamente que “no solo urbano soterraranse as instalacións eléctricas de todo tipo”.

Fernández Comesaña, pon de manifesto que existen en diversas zonas de chan urbano do municipio -especialmente no litoral costeiro-, e en concreto na urbanización Dunas de Gaifar, onde se poden ver os tendidos aéreos e en postes de formigón e madeira o que produce un grave impacto visual que non só deteriora a contorna senón que tamén produce un feísmo que a lei pretende combater, “polo que consideramos unha actuación moi necesaria e urxente, especialmente antes da renovación do pavimento de beirarrúas -como xa se está realizando na contorna do Pavillón que está a deixar os postes e cableado encostados á fachada-, para logo non ter que romper as lousas en pedra e soterrar a canalización dos servizos”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios
error: Contido protexido