Anuncios
Ticker de novas

O Enterro do Kiko pon o punto e final ao Entroido de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Enterro do Kiko.

O Concello de Nigrán pechou este sábado co “Enterro do Kiko de Parada” a programación do Entroido deste ano. O Kiko, que permanecía exposto na entrada do Auditorio Municipal, foi trasladado por un carro de bois e un amplo cortexo fúnebre ata a parroquia de Parada, onde se celebrou o velorio e a posterior queima no recentemente renovado torreiro.

Os actos comezaron coa actuación da charanga “Vaite Xa” polo centro de Nigrán. Tras a chegada do carro de bois e a bendición do Kiko, o cortexo fúnebre partiu desde a Praza do Concello ata a rúa Telleira para retomar a procesión en Parada, acompañado da música tradicional do Grupo Breogán Valle Miñor e a comparsa “Parada Espanta”.

Xa no Torreiro de Parada e despois da actuación da comparsa, tivo lugar o velorio. A continuación, o Kiko foi trasladado polo cortexo fúnebre para a lectura do pregón e a súa queima, con fogos artificiais incluídos, pechando a xornada cunha gran verbena popular a cargo do grupo “Trío Azar” e desde a medianoite os Djs Toni&Yogüi.

O Concello consolida deste xeito unha celebración con gran arraigamento na parroquia e que fai catro anos decidiuse potenciar co percorrido desde o Concello ata a rúa Telleira grazas á colaboración do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, os promotores desta tradición.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo fama na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai máis aló do interese local.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios