Anuncios
Ticker de novas

Homenaxean aos irmáns Jesús e Manuel Sousa, integrantes dos Terribles de Donas

O Grupo Etnográfico “A Buxaina”, en colaboración co Centro Cultural e Recreativo de Coruxo (CRACC), celebrou este sábado no teatro Afundación de Vigo a “Homenaxe ao Gaiteiro”, acto que xa vén sendo na cidade un acontecemento anual de renome e que acadou xa a súa XXXI edición. O obxectivo deste encontro é poñer en valor aquelas persoas que, de xeito altruísta, souberon conservar e transmitir a sabedoría do noso baile e música tradicionais. Trátase, xa que logo, de apreciar a quen soubo atesourar a identidade do noso pobo. Desta volta os homenaxeados foron, por unha banda Palmira Garrido Almuíña (1938), pandereteira de Lira , Salvaterra, e pola outra Jesús Sousa Matos (1948) e Manuel Sousa Matos (1944), bombeiro e tamborileiro dos Terribles de Donas.

Ademais desta homenaxe, contaron coas actuacións dos grupos As Cantigas de Elena, proxecto que recompila melodías recollidas a Elena Alonso Pino (Toutón, 1 de xullo de 1928) por parte de María Vidal, Pichi Abollado e o seu neto, Pipo Alvariño; Pepe Vaamonde Grupo, banda de folk galego con máis de trece anos de vida e 200 concertos nos escenarios máis representativos deste estilo musical e O Fiadeiro, agrupación de baile e música tradicional con máis de 20 anos de experiencia. Nesta ocasión presentou o acto Marta Pérez, directora de Inversa Teatro, unha compañía especializada na creación de artes escénicas e de muller e na creación de personaxes ad hoc.

HOMENAXEAN AOS IRMÁNS JESÚS E MANUEL SOUSA, INTEGRANTES DOS TERRIBLES DE DONAS

Anuncios