O costarriqueño Arias aumenta o arsenal do Vigo-Rías Baixas antes dunha intensa fin de semana

Tripla cita para o Vigo-Rías Baixas durante esta fin de semana. A entidade presidida por José Luis Chamorro tomará a saída este sábado no Trofeo Concello de Zamora e o domingo disputará a Aiztondo Klasika, terceira proba puntuable da Copa de España Elite e Sub23, e o Trofeo San José. Un intenso programa no que contará coa súa última incorporación, o costarriqueño Sergio Arias.

O ciclista centroamericano, de 20 anos, uniuse ao seu compatriota Sebastián Moya na formación olívica. Arias, gañador da Volta á Xuventude do seu país en 2018, recuperouse en tempo récord dun atropelo sufrido a finais de febreiro. Fracturouse a boneca, pasou polo quirófano e nas últimas horas aterrou en Euskadi, onde debutará na Aiztondo Klasika co seu novo equipo.

A estrutura que dirixe Gorka Beloki presentará en terras guipuscoanas unha aliñación infestada de escaladores para aspirar ao máximo nun percorrido de 131 quilómetros e sete ascensións puntuables. Os dous costarriqueños formarán parte dun bloque composto por Jaime Guzmán, Sergio Álvarez, Gabriel Ochando, Carlos Cobos e Samuel Blanco, décimo clasificado o pasado domingo no Trofeo Guerrita.

Zamora e Trofeo San José

O outro foco de atención do Vigo-Rías Baixas estará en Zamora. Nesa provincia celébranse dúas probas tradicionais e puntuables para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC): a 38ª edición do Trofeo Concello de Zamora e a 72ª do Trofeo San José, clásica con final na localidade de Muelas del Pan e que ata esta tempada era denominada Trofeo Iberdrola.

Iván Rodríguez estará ao volante do equipo nestas dúas carreiras e ás súas ordes terá a Julián Barrientos, Óscar Justo, Lois Rodríguez, Jorge González, David Domínguez, Alejandro Bayán e Antonio Barbeiro. Os 85 quilómetros do sábado servirán de aperitivo para os 160 quilómetros do domingo.

Anuncios