Nigrán inviste 73.000 € na renovación das beirarrúas da contorna do Pavillón de Panxón

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras de acondicionamento das beirarrúas na contorna do pavillón, unha actuación na que se invisten 73.000 euros a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. Estas estarán rematadas en menos de dous meses e comprenden as rúas Gondomar, Arquitecto Palacios e Cidade de Vigo, todas en moi mal estado e inaccesibles debido a antigüidade da lousa hidráulica (nunca se repuxera dende a construción do pavillón).

Os traballos, a cargo de Construcciones Vale S.L., consisten en levantar a actual beirarrúa e os seus cantos de cemento para pavimentar todo con granito (lousas de 40×60 cm e cantos de granito mecanizado de 10×20 cm). Ademais, substituirase a sinalización vertical (en moi mal estado de conservación) e na rúa Gondomar instalaranse tres novos farois para ofrecer unha mellor iluminación.

«Trátase dunha zona moi transitada, no corazón de Panxón, e pola situación do propio pavillón e da praia e consideramos máis apropiado facer as beirarrúas en pedra, en consonancia co resto da contorna», sinala o alcalde, Juan González, quen recalca que, ademais de reacondicionar o propio pavillón, nesta zona xa se renovou o parque infantil, a iluminación ou o pavimento das rúas.

Anuncios