En Marea e Manifesto Miñor concorrerán xuntos ás vindeiras eleccións municipais

Manifesto Miñor acordou unanimemente en asemblea hai máis de tres meses asinar o acordo de colaboración con En Marea para concorrer xuntos ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. Con este acordo están axudando a tecer e a crear un espazo de cooperación en pé de igualdade entre mareas, onde pretenden ser un lugar de encontro no que compartir experiencias, ideas e recursos para obter o éxito electoral que lles permita transformar o país de abaixo a arriba, poñendo ás persoas no centro das políticas.

A sinatura deste acordo terá lugar nun acto público o vindeiro mércores, día 13 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro Neural de Gondomar. No mesmo daranse a coñecer as liñas mestras do programa que Manifesto Miñor defenderá para toda a comarca. No acto intervirán por parte de En Marea Luís Villares e Ana Seijas, e de Manifesto Miñor Iris Malvido (miñorá candidata ás eleccións xerais por Pontevedra), e Antonio Araújo Quintas, concelleiro en Gondomar.

“Nos principios fundacionais de Manifesto Miñor ocupa un lugar relevante o feito de nos considerar unha organización que, ademais da defensa do máis próximo, do ben común representado nos Concellos como as institucións máis achegadas á veciñanza, temos como obxectivo a transformación social en xeral: pensar globalmente, actuar localmente, pois somos conscientes que un reparto xusto da riqueza, a universalización de servizos básicos ou os dereitos cívicos e políticos das persoas e dos Pobos, só é posible actuando en unión con aquelas persoas e organizacións que compartimos a mesma idea e os mesmos obxectivos”, sinalan desde Manifesto Miñor.

Anuncios