
Grazas á inclusión no “Plan Banda Longa de Nova Xeración” da Administración Xeral do Estado e do “Plan Banda Longa 2020” da Xunta de Galicia en diferentes parroquias de Baiona, estas poderán empezar a gozar de acceso ultrarrápido a Internet. As primeiras en beneficiarse en conectar os seus equipos electrónicos a unha velocidade de ata 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica son por unha banda Igrexa, Cancelo, San Antón e Caeiro, e doutra banda Eidos, Fontes, Laxes, Rocamar, Covaterreña, Percibilleira, Medialdea, Urgal, Area, Xuncal, Outeiro, Ponte Novo, Sabarís e Viso de Calvos.
Segundo reunións mantidas por parte do alcalde e membros da empresa instaladora, está previsto que estas dúas primeiras fases queden concluídas antes de finais deste 2019. En novembro de 2018 o Estado concedeu novas subvencións para que se realicen actuacións que permitan o despregamento destas redes nos barrios do Burgo, Cruceiro (Baíña), Río, Portelos, Ponte, Estivada, A Granxa, Bouzós, Cruceiro (Santa Cristina), Devesa, Ladeira, Morade, Ribeira e Sopegal, que se verán reflectidas antes de finais de 2020.
Tamén está prevista a canalización subterránea do cableado no tramo comprendido entre o Rompeolas e a rotonda de acceso á autoestrada de Baredo, para a eliminación do cable aéreo que discorre polas comunidades de montes de Baiona e Baredo.
Ángel Rodal é coñecedor de que en pleno século XXI, a posibilidade de ter unha comunicación fluída e de alta calidade é primordial, “polo que o poder ofrecer unha nova instalación de fibra óptica, é fundamental para o desenvolvemento e crecemento de Baiona”. Desde o Concello séguese traballando para que este tipo de actuacións non se paralicen e continúen expandindo a fibra óptica por todos os recunchos para que todos os veciños e veciñas dispoñan dunhas conexións de calidade.