A gondomareña Desirée Vila, dobre campioa de España de atletismo adaptado

Esta fin de semana disputouse na pista de atletismo Gaetà Huguet de Castelló o Campionato de España Absoluto por Comunidades Autonómas de atletismo para persoas con discapacidade física, organizado pola Federación Española de Deportes de Persoas con Discapacidade Física (FEDDF), coa colaboración da Federació D’Esports Adaptats da Comunitat Valenciana (FESA) e o Club Atletisme Playas de Castelló.

A gondomareña Desirée Vila, formando parte da Federación Madrileña, proclamouse dobre campioa de España e récord nacional nos 100 metros lisos, cunha marca de 18.65, e en salto de lonxitude, cunha marca de 3.46, da categoría T63. “Quedo con este bo sabor de boca e a miña cara de felicidade no que queda do mes”, sinalaba esta mañá a atleta miñorana.