Saboteadas en 24 horas 35 ambulancias de Baiona, Nigrán e outros 16 municipios

As últimas 24 horas foron un pesadelo para os empresarios de ambulancias de Galicia que tiveron que xestionar, reorganizar e substituír de madrugada ata unha trintena de vehículos sanitarios para evitar que a cidadanía pague as consecuencias dos ataques sufridos entre o venres e sábado. Un total de 35 ambulancias foron saboteadas, principalmente en Vigo e Baixo Miño, e a base viguesa de Ambuibérica foi achandada por descoñecidos que inutilizaron as cámaras de seguridade con pintura e esnaquizaron equipamento, cortaron cintos e picaron as rodas das catro ambulancias que había no interior, unha delas medicalizada.

Ante a gravidade dos feitos, que veñen sucedendo desde o pasado mes de decembro, a patronal do sector advirte de que, a pesar dos seus esforzos, a cidadanía xa se está empezando a ver afectada por estes actos vandálicos, polo que esixe á Administración que poña en marcha os mecanismos necesarios para garantir o servizo.

As sabotaxes destas últimas 24 horas prodúcense despois de que os sindicatos non aceptasen a proposta da empresa -un incremento salarial en catro anos superior ao 18’5%- e decidisen romper de forma unilateral a mesa de negociación, ameazando con recrudecer as accións de folga. A proposta actual dos traballadores pasa por unha subida do 25’8%, algo imposible de asumir polos empresarios, moitos deles con serias dificultades económicas.

Ante este panorama de violencia, a Federación Galega de Empresarios de Ambulancias sinala que o diálogo cos traballadores resulta moi complicado. Desta forma, e ata que cese a violencia contra as empresas e os propios cidadáns, a patronal ve difícil sentar de novo cos representantes sindicais.

Os ataques das últimas 24 horas foron contra ambulancias de Vigo, O Porriño, Mos, Baiona, A Guarda, Ponteareas, Cangas, Arbo, Tui, Redondela, Nigrán, Teixeiro, Melide, Ponteceso, Cerceda, Lalín, Boiro e A Coruña. Todas os vehículos sufriron a picada das catro rodas, a algúns tamén lles cortaron os cintos de seguridade, e no caso do Porriño inutilizaron o depósito de combustible, mentres que en Ponteareas asperxeron cun extintor o interior.

Máis de 1.600 traballadores

Galicia conta con ao redor de 600 ambulancias repartidas por todo o territorio, con máis de 1.600 traballadores prestando servizo nas mesmas. Todos estes vehículos e todo o seu persoal dependen dos empresarios que conforman a Federación Galega de Empresarios de Ambulancias.

Anuncios