Sin categoría

Rescatado un motorista de Enduro que sufriu unha caída no Monte Galiñeiro en Gondomar

Un motorista foi rescatado logo de sufrir unha caída cando practicaba a modalidade de Enduro no Monte Galiñeiro, en Gondomar. O envío da localización do ferido mediante un WhatsApp ao 112 Galicia permitiu a rápida chegada dos servizos de emerxencias.

Todo ocorreu ao fío das once desta mañá, cando o motorista caeu co vehículo que manexaba e mancouse nas costelas. Tras a chamada de alerta ao 112 e seguindo as indicacións dos operadores, a persoa que acompañaba ao ferido compartiu as coordenadas de localización mediante mensaxe de WhatsApp. Isto permitiu a chegada da axuda ao lugar concreto e a asistencia inmediata do paciente, que presentaba lesións graves en costelas, clavícula e un brazo.

Deste xeito, os membros do GES do Val Miñor, xunto cos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, deron co ferido, inmobilizárono e trasladárono a pé ata a ambulancia. Ademais, estes equipos de intervención contaron co apoio dos Bombeiros do Baixo Miño e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local de Gondomar.