O Val Miñor sae á rúa para esixir igualdade

Un ano máis as mulleres do Val Miñor fixeron parte dunha xornada histórica de Folga Feminista, demostrando que “se nós paramos, párase o mundo”. Tres marchas partiron desde Baiona, Gondomar e Nigrán para atoparse todas xuntas na Ramallosa e celebrar a revolta feminista, acompañadas da gran Batucada Feminista e de Maruxa o Monicreque Xigante.

As mulleres galegas organizadas na asemblea Galegas 8M volveron convocar a folga de mulleres este 8 de Marzo sumándose así ao Paro Internacional de Mulleres xurdido do traballo conxunto das compañeiras polacas e latinoamericanas en 2017. Este ano mulleres de máis de 57 países do mundo estarán na rúa mobilizándose polos dereitos e por transformar a vida de todas.

As mulleres galegas chamaron a unha folga de coidados, laboral, estudantil e de consumo, para construír un mundo no que a riqueza colectiva redunde en beneficio da mellora da vida de todas, especialmente das máis vulnerables; un modelo económico que coloque o dereito a unha vida digna no centro da axenda política e o seu sustento na responsabilidade da sociedade no seu conxunto; unha sociedade xusta na que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos; e unha vida libre de violencias, de todo tipo de violencias.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.