O proxecto do talaso natural de Baiona queda segundo nos premios de Berlín

Baiona recibe o segundo premio na categoría “Best of seaside” (“O mellor da zona costeira”) dos prestixiosos premios “The Best of Top 100 Destinations”, que concede a organización internacional Green Destinations.

Os finalistas, en cada unha das categorías, foron seleccionados por un comité de expertos de diferentes organizacións internacionais, entre os 100 destinos máis sustentables do 2018 entre os que figura Baiona.

O veredicto final coñeceuse o pasado 6 de marzo nun evento, realizado no marco do Salón Internacional de Turismo ITB de Berlín (Alemaña), dedicado a recoñecer a innovación e boas prácticas na xestión turística dos destinos e operadores turísticos que traballan na procura da calidade e a sustentabilidade turística.

A iniciativa presentada por Baiona para a súa valoración foi o Proxecto Poseidón consistente na recuperación dunha antiga cetaria e a súa reconversión nun talaso natural ao aire libre. Este é un proxecto de rehabilitación patrimonial e valorización ambiental dun elemento tradicional como son as cetarias.

A iniciativa desenvolveuse en dúas fases: a primeira, no ano 2014, consistiu na recuperación da cetaria e a súa reconversión en solárium. En 2018 levou a cabo a segunda fase, consistente na instalación de material para convertela en talaso natural para goce de veciños/as e visitantes e aproveitamento das propiedades beneficiosas da auga do mar para a saúde, de forma gratuíta.

Anuncios