Desde Cidadáns Baiona convídase a sindicatos e Concello a negociar unha relación de postos de traballo antes de finalizar a lexislatura. Desde a formación laranxa, o seu portavoz en Baiona traslada a preocupación polas consecuencias do conflito laboral provocado polo actual equipo de goberno local. “Está a carrexar excesivos custos sociais e económicos para o noso concello”, protesta Adolfo Valverde, quen insta a toda a corporación municipal, citando tamén á oposición, a solucionar o conflito antes de que se finalice a lexislatura.
En opinión de Valverde, “a falta de vontade política do equipo de goberno provocou unha desmotivación evidente dos funcionarios públicos, problemas de seguridade nas nosas rúas, deterioración dos servizos públicos municipais e un malestar crecente entre a poboación”, comenta Valverde, quen engade que o goberno local debe aceptar a realidade xudicial. “Este proceso xa tivo uns custos económicos moi altos para os veciños de Baiona e non só os xudiciais, se non tamén informes como o encargado á empresa JL Tudo Consulting que non serviron para absolutamente nada”.
Desde a formación liberal considérase que unha vez superadas as maiorías absolutas, “é a hora da responsabilidade política. De equilibrar soldos, tarefas e responsabilidades de cada traballador municipal e axustar estes, aos requirimentos e retos do futuro”. Por todo iso, desde Cidadáns Baiona presentouse un escrito no concello no que se anima a que se inicien negociacións cos sindicatos e a oposición para acordar unha relación de postos de traballo e un novo convenio colectivo para os funcionarios municipais antes de terminar a presente lexislatura. “É necesario que senten xa a negociar todas as partes e podamos saír desta situación, chegando a un acordo que beneficie ás partes implicadas e polo tanto aos veciños de Baiona”, conclúe o portavoz de Cidadáns.

