O Monte Real organiza este xoves en Baiona o IV Seminario sobre Vela Adaptada

SONY DSC

O Monte Real Club de Yates organiza mañá xoves en Baiona da man de Baiventura Galicia, o IV Seminario sobre didáctica de vela adaptada, unha iniciativa destinada a ofrecer formación teórico-práctica especializada a futuros técnicos deportivos de Galicia e Portugal.

Varios adestradores do club baionés serán os encargados de impartir un seminario que incluirá sesións teórico-prácticas desde as dez e media da mañá ata as seis da tarde. Nelas participarán medio centenar de alumnos do I.E.S. Terra de Turonio (Gondomar – Pontevedra), o I.E.S. Porto do Son (A Coruña), o I.P.V.C. Viana do Castelo (Portugal) e ASEM Galicia.

Nas exposicións, mesas redondas e bautismos de mar abordaranse cuestións como a importancia de adaptar os ensinos ás necesidades do usuario con diversidade funcional, a necesidade de adaptación das infraestruturas e elementos deportivos ou o uso de recursos didácticos específicos.

E todo baixo o prisma da Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates, que desde o ano 2012 ofrece a persoas con diversidade funcional a posibilidade de aprender e practicar vela en igualdade de condicións. Durante os últimos seis anos, máis de 300 alumnos con discapacidades físicas, psicosociais, cognitivas e sensoriais navegaron nos barcos adaptados do club grazas aos cursos de vela inclusivos que o Monte Real organizou co apoio de Fundación Repsol e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Deporte Galego.

Mellorar o nivel físico e emocional das persoas con discapacidade, aumentar a súa autoestima, incentivar as relacións entre compañeiros, xerarlles motivación e que gocen en contacto directo coa natureza, achegándoos ao mar, son os principais beneficios que se conseguen coas actividades de vela adaptada.

Anuncios