Nunha entrevista recente coa dirección do colexio, a presidenta do Partido Popular de Gondomar tivo coñecemento que dende o pasado 18 de febreiro o colexio Serra-Vincios non conta con conserxe e o concello non fai nada para remedialo.
A dirección do centro escolar dirixiuse ao Concello por escrito e dende o mesmo deron a calada por resposta. O centro escolar fíxolle saber a Paula Bouzós que «no que vai de ano xa pasaron seis conserxes diferentes e con perfiles inadecuados para un colexio». Tamén comentaron que veñen padecendo dende hai polo menos tres anos a desidia do concello neste tema, e que xa o teñen denunciado en máis dunha ocasión, como consta nas actas do Consello Escolar, que o director se encarga de enviar puntualmente ao Concello.
«Todos sabemos da importancia de que un colexio público como o de Vincios conte con un conserxe que se encargue de velar polo centro e realizar as tarefas propias dun colexio público de primaria», aclara Paula Bouzós.
A figura do conserxe é imprescindible nun centro escolar, e hai que recoñecer que fan un traballo moi importante que repercute na calidade de vida dos nosos cativos, que son o futuro do pobo. Estas persoas son as que se encargan da apertura de peche do centro, facer fotocopias, pequenos arranxos como cambio de luminarias, arranxar portas, atender a calefacción, pequenas reparacións e pintado, coidado dos xardíns e dos patios, axudar nas actividades organizadas polo centro, etc. Por todo isto se entende que un conserxe ten que ser unha persoa cunhas calidades especiais, que o Concello ten que procurar de atender.
Paula Bouzós esíxelle ao alcalde Paco Ferreira que, á maior brevidade, envíe un conserxe para o colexio de Vincios que reúna as calidades mínimas imprescindibles para atender as necesidades do centro escolar.

