Manifesto Miñor leva ao Pleno da Mancomunidade a situación da pesca artesanal

Manifesto Miñor, recollendo a proposta enviada pola Confraría de Baiona sobre a situación da pesca artesanal, promoverán no Pleno da Mancomunidade que se celebrará este mércores día 6 ás 13:30 horas unha declaración institucional co obxectivo de demandar a exención da pesca accidental, dentro da modalidade de pesca artesanal, do sistema e TAC’s e cotas implantado pola UE. Antonio Araújo sinala que “estamos de acordo no fundamental, pois cremos que é unha actividade da que non demos prescindir polo beneficio para a economía da comarca, mais tamén, polo que ten de pesca sustentable e de poder ter nos nosos fogares un produto de proximidade e calidade”.

A moción propón que o Pleno da Mancomunidade do Val Miñor, mediante escrito asinado por todos e cada un dos seus membros, solicite aos Grupos Políticos con representación no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, promovan e consensúen as medidas necesarias para materializar a exclusión das capturas accesorios ou accidentais da frota costeira artesanal do sistema de TAC’s e cotas, dada a súa multiespecialidade e, polo tanto, o seu escaso impacto no estado dos recursos mariños.

“Dentro da pesca costeira artesanal, cómpre establecer criterios de diferenciación entre o que significa a pesca accidental e a pesca dirixida. O tratamento das dúas modalidades debería ser de todo independente: a accidental debe estar á marxe dos criterios de TACs e cotas ou de obriga de desembarco, dado que representa as capturas de especies accesorias durante a pesqueira dunha especie obxectivo. Por outra banda, a dirixida oriéntase á pesqueira dunha determinada especie, debéndoselle aplicar unha xestión das posibilidades de pesca a través de criterios de reparto que garanten igualdade de condicións entre as unidades de frota participantes”, di a moción.

Así mesmo, o documento require un tratamento distinto e diferenciado da xestión das posibilidades de pesca da frota artesanal con respecto ás frotas industrial e/ou semiindustrial. “As embarcacións de pesca costeira artesanal son de pequeno porte, utilizan artes e aparellos de pesca altamente selectivos, desenvolven a súa actividade pesqueira de forma tradicional, sustentable, cun baixo volume de capturas de especies moi diversas e de gran calidade”, conclúe o texto.