Sin categoría

A Policía Autonómica caza a 29 menores consumindo alcol en Lugo, Baiona, Porriño e Vigo

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre esta fin de semana un total de 72 inspeccións, nos concellos de Lugo, Baiona, Porriño e Vigo, de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

Por parte dos grupos de Menores da Policía Autonómica das Sedes de Lugo e Vigo, con motivo da celebración do Entroido, en Lugo, e da Festa da Arribada, en Baiona, realizáronse controis de venda, consumo de alcol, ofertas e outras irregularidades en locais de ocio; con motivo de prever o consumo de alcol por parte de menores de idade, así como a venda de alcol por parte de establecementos.

Como resultado dos 5 dispositivos levados a cabo, foron identificadas 110 persoas e inspeccionadas 72 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 30 actas de infracción: 29 por consumo de alcol e 1 por venda de alcol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.