Baiona declara oficialmente aberta a Festa da Arribada

O Concello de Baiona abriu este venres a Festa da Arribada, que converterá a Real Vila nun gran Mercado Medieval durante toda a fin de semana. Os canonazos desde a Fortaleza declararon oficialmente aberta a Festa de Interese de Turístico Internacional que este ano conmemora o 526 aniversario da chegada da Carabela Pinta á praia da Ribeira.

O Parador Conde de Gondomar acolleu os actos oficiais coa presenza da presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o deputado provincial Carlos López Font, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, o presidente da Cámara Municipal de Vila do Bispo, Adelino Soares, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, entre outras autoridades tanto civís como militares.

“Desde hoxe e ata o domingo, estaremos a esperar cos brazos abertos a todo aquel que nos visite para contaxiarlles cun ambiente medieval, recreando no mesmo marco que fai máis de cinco séculos, a vida dun burgo medieval, mediante a ambientación, a animación, os usos e costumes da época. Estou seguro de que a experiencia que van vivir durante estes días será tan grata que lles obrigará a volver ano tras ano”, sinalou o alcalde de Baiona.

Rodal lembrou tamén que “grazas ao traballo e ilusión de todos, institucións, comerciantes, colectivos, asociacións culturais, visitantes e sobre todo grazas aos nosos veciños, conseguimos que aquel mercado medieval que se iniciou algo máis de dúas décadas na Praza Pedro de Castro cos alumnos do instituto 1º de Marzo e da man do Concello de Baiona, alcanzase a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional”.

O deputado provincial afirmou na súa intervención que a Arribada vai máis aló da propia recreación histórica, lembrando o vínculo tan especial entre Europa e América e a todas as galegas e galegos que se viron forzados a emigrar para atopar un futuro mellor. “Hoxe é o momento de agradecer ao pobo americano todo o que nos achegou, o ben que tratou e trata ás nosas galegas e ao noso galegos. Hoxe é o momento de sumar e non de restar, de aproveitar a ocasión para reivindicar un mundo multicultural, onde todas e todos podamos vivir sen renunciar ao propio”.

López Font concluíu desexando a todas as persoas que se acheguen ata Baiona, “para gozar deste extraordinario ambiente medieval, que veñan probar os ñoclos de Pinzón e as tortas de Sarmiento, pero tamén a gozar da música, dos e as xograres, dos artesáns e artesás, e das numerosas recreacións históricas organizadas para rememorar a Arribada da Pinta”.

O vicepresidente da Xunta destacou a importancia que ten esta celebración para a nosa comunidade, declarada como Festa de Interese Turístico Nacional en 2010, e Festa de Interese Internacional en 2015. Rueda afirmou que “esta festa sinala un comezo dun vínculo histórico entre Galicia e América, xa que hai 526 anos, Baiona foi a primeira localidade que tivo contacto con europeos que xa visitaran América”.

Pola súa banda, a presidenta do Congreso dos Deputados felicitou a Baiona “por aquel día de hai 526 anos en que Martín Alonso Pinzón tróuxonos unha noticia cuxo alcance nin sequera os máis avanzados puideron prever. Porque nin Alonso Pinzón nin ningún outro navegante elixise mellor acollida que a que aquí lle dispensaron sempre os hospitalarios baioneses”. Ana Pastor felicitou á Vila “este esforzo por soster a memoria daquela heroica viaxe que cambiou tantas cousas e por outorgar a proxección que hoxe en día ten esta celebración histórica” e por converter a Baiona “nunha das referencias de ponte entre ambos os dous mundos e por potenciar o coñecemento daquela epopea que explica mellor que calquera relato a reprodución da Pinta”.

Posteriormente foi o momento da homenaxe ao capitán da Carabela Pinta coa ofrenda de coroas ante a imaxe de Martín Alonso Pinzón e a interpretación de himnos, para finalizar cos disparos de salvas polos canóns da Fortaleza.

Pola mañá, celebrouse na Igrexa de Santa María de Baiona unha Misa Solemne cantada polo Coro Parroquial e acto seguido a Ofrenda de Coroas ante a Cruz de Evanxelización de América. Acto seguido, o Salón de Plenos do Concello acolleu o acto de conmemoración do X aniversario do irmandamento con Vila do Bispo.

Pola noite, a Praia Ribeira acolleu o espectáculo “Presagio”, no que o druída Haemus anuncia aos habitantes de Baiona a súa predición: a inminente chegada dun navío cunha noticia que cambiará o seu mundo para sempre. Cumpríndose co vaticinio, a carabela Pinta chega ao porto de Baiona coa boa nova do descubrimento de América.

Xa o sábado, ás 11:30 horas, no Paseo Ribeira, haberá unha visita ás paradas dos pobos irmáns: Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic, Vila do Bispo e Baiona, e ás 12:00 horas celebrarase o Gran Desfile Medieval polo Real Mercado coa participación de toda a animación da Festa da Arribada.