Sin categoría

Anxo Uzal e Omar Rodríguez, a polo Campionato de España sénior

Os baioneses Anxo Uzal e Omar Rodríguez formarán parte este fin de semana da Selección Galega Libre Olímpica nos Campionatos de España de Loitas Olímpicas na categoría sénior, que se celebrarán no Pavillón Municipal de Santa Isabel en Santiago de Compostela. Os deportistas do Club de Loita Sabarís competirán en 65 kg e 74 kg respectivamente.

A competición desenvolverase en catro tapices oficiais de Loitas Olímpicas, de 12 x 12 metros, tendo a xornada de mañá reservada para os primeiros cruces e eliminatorias, e a xornada de tarde será exclusivamente para loita polas medallas da categoría absoluta.

As 17 Comunidades Autónomas estarán presentes nesta competición con preto de 350 deportistas seleccionados, máis os árbitros, técnicos, delegados, staff e membros organizativos da Federación Española de Loita. Os deportistas que acaden ser campións de España, terán a oportunidade de participar nos Campionatos de Europa sénior, no mes de Abril en Bucarest (Romanía).

Galicia acode a esta competición con 33 deportistas inscritos, 4 seleccionadores, 2 delegados e 5 árbitros, sendo a comunidade con máis representación.