Investors Day, o broche final á quinta edición de ViaGalicia

O Centro de Negocios de Porto do Molle acolleu hoxe o Investors Day, a última fase do programa de aceleración de ViaGalicia, na que os emprendedores, xa empresarios, puideron defender o seu proxecto para captar novos socios a través de presentacións breves e áxiles. Cun tempo máximo de cinco minutos de exposición, presentaron os seus proxectos cun “pitch” no que explicaron tamén os mercados aos que se dirixen ou os seus plans de crecemento. Pola súa banda, os investidores realizaron numerosas preguntas co obxectivo de aclarar diferentes dúbidas ou profundar nos plans empresariais presentados.

Este encontro puxo punto e final á quinta edición de ViaGalicia, que contou cun orzamento total de 2,5 millóns de euros. Os proxectos relacionados coa tecnoloxía e a innovación -desde o desenvolvemento de nanosatélites, sistemas de ciberseguridade ou relacionados co Internet das Cousas (IoT) ata plataformas de asesoramento e xestión online- protagonizaron esta quinta edición, na que tamén se aceleraron proxectos no sector da agroalimentación, a arquitectura ou a automoción.

BETA Implants, premio VIAGALICIA 2019

BETA Implants, startup dedicada ao deseño e produción a medida de implantes para animais, converteuse na gañadora do Premio ViaGalicia 2019, concedido hoxe por primeira vez polo delegado de Estado en Zona Franca de Vigo, David Regades, e a directora de GAIN, Patricia Argerey, e dotado con 150.000€ de financiamento.

O Comité Técnico, encargado de seleccionar ao gañador entre os máis de medio centenar de startups presentadas á primeira edición deste recoñecemento, destacou a evolución do modelo de negocio de BETA Implants desde a súa participación na aceleradora, a súa consolidación no mercado, o valor engadido e innovación que achega ao sector e a creación de emprego de calidade (cualificado e de carácter indefinido). Este recoñecemento dotará ao proxecto de 150.000€ de financiamento, procedentes de XesGalicia e Vigo Activo, para apoiar os seus plans de consolidación e crecemento internacional.

Durante o encontro, Regades sinalou que “BETA Implants é o exemplo perfecto de empresa produtiva que ViaGalicia quere seguir apoiando, proxectos innovadores, capaces de crear emprego para Galicia e de manterse no tempo a través de modelos de negocio sólidos”.

Pola súa banda, a directora de GAIN, Patricia Argerey, recalcou o carácter innovador da empresa gañadora, así como do resto de empresas aceleradas na quinta edición de ViaGalicia, que contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía galega presente e futura. Argerey inscribiu este apoio no compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento innovador e a captación e retención de talento en Galicia, que a través de StartIN, a rede galega de aceleradoras, permitiu apoiar máis de 900 proxectos nos últimos cinco anos.

A entrega deste premio, que recibiu Bibiana Rodiño, directora xeral de BETA Implants, tivo lugar durante a clausura do Investors Day, xornada na que ao redor dun centenar de investidores -business angels, consultores, directivos de banca e axentes doutras aceleradoras- puideron coñecer as oportunidades de negocio e investimento das startups aceleradas nesta última edición.

Para outorgar este recoñecemento, ViaGalicia analizou as cifras dos proxectos presentados a esta convocatoria, destacando así a creación de máis de 60 empresas, das cales o 80% continúan hoxe activas. Todas elas facturaron máis de cinco millóns de euros e xeraron máis de 240 novos postos de traballo cualificado, dos que o 83% son empregos indefinidos. En total, os proxectos acelerados en ViaGalicia conseguiron captar 19 millóns de euros de financiamento, da que o 52% é de orixe privada.

ViaGalicia

ViaGalicia é unha aceleradora impulsada por Zona Franca de Vigo e Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores, acelerables e invertibles a través da súa participación nun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento. Desde a súa posta en marcha no ano 2013, xa se investiron 8 millóns de euros neste programa de aceleración, ao que se presentaron máis de 1.000 candidaturas e das que se impulsaron máis de 160 proxectos. En total, formalizáronse 68 empresas, xerando así 340 novos empregos.

2019-03-01 - VIAGALICIA-IDAY-BETA

Anuncios