Baiona e Vila do Bispo cumpren 10 anos de irmandamento

Baiona e a localidade portuguesa de Vila do Bispo ratificaron este venres o seu irmandamento nun solemne acto celebrado no Salón de Plenos. Os alcaldes, Ángel Rodal e Adelino Soares, estamparon a súa firma para prolongar o primeiro acordo asinado hai agora unha década.

“É un privilexio como alcalde de Baiona ratificar o noso compromiso co noso pobo irmán de Vila do Bispo e ser testemuña directa desta conmemoración no décimo aniversario do acordo tomado en sesión plenaria celebrada o 6 de novembro de 2008 e asinado neste mesmo salón de plenos, un venres 6 de marzo de 2009”, sinalou Rodal no seu discurso.

“Sempre se dixo que nas relacións tanto a distancia como o paso do tempo, faias arrefriar, afirmo que no noso irmandamento nin a distancia de 734 km, nin o paso do tempo, 10 anos, conseguírono, todo o contrario, uniunos máis. Anímovos por tanto a que sigamos traballando coa mesma ilusión, a seguir desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos que favorezan aos nosos pobos”, concluíu Rodal.

Pola súa banda, o Presidente da Cámara Municipal de Vila do Bispo, Adelino Suares, trasladou que “é moi bo o irmandamento entre Baiona e Vila do Bispo”, destacando que escribir ou falar a mesma lingua, tentalo polo menos, é importante, pero o é máis “isto que se vive hoxe aquí, non sei se se me entende ou non, pero si saber que estou convosco, que aquí en Baiona síntome en casa, síntome ben”.

Finalmente, o presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, agradeceu “o labor de difusión e promoción da nosa Real Vila nun enclave único, situado no sur do país veciño na zona do Algarve”, asegurando que “faremos o mesmo desde o norte, estaremos con Vila do Bispo non só para promocionalo, senón para calquera outra cousa que necesitedes. Vila do Bispo e as súas xentes tamén son un pobo de acollida, como Baiona, esta é unha das razóns de que sexamos pobos irmáns”.

10 anos de irmandamento

Un venres 6 de marzo de 2009, ás 18:30 horas, no Salón de Plenos do Concello de Baiona, tivo lugar o acto de irmandamento entre Baiona A Real (España) e Vila do Bispo (Portugal). As dúas vilas subscribiron o protocolo que as uniu nun proxecto común de amizade e colaboración e declaráronse pobos irmáns, sendo os seus respectivos alcaldes por aquel entón, Jesús Vázquez Almuiña e Gilberto Reis Viegas.

Tras dez anos de irmandamento, estreitáronse uns fortes lazos de amizade, fraternidade e cooperación mutua, que permitiu coñecerse e crear fortes vínculos. Ambos os dous municipios percorreron un longo camiño, unidos fundamentalmente por afinidades históricas e xeográficas, clave nos descubrimentos e expedicións marítimas, tal como xustifican as actas das respectivas sesións plenarias.

Anuncios