A Vig-Bay celebra o seu XX aniversario incluíndo unha maratón de 42 quilómetros

FOTO: VIG-BAY // Saída da proba en Samil.

O Museo Verbum acolleu este mércores o acto de conmemoración do XX aniversario da Medio Maratón Vig-Bay Carreira Gran Bahía de Vigo-Nigrán-Baiona, que terá lugar o vindeiro 7 de abril de 2019 e que este ano terá como gran novidade a inclusión dunha maratón de 42 quilómetros ademais da media maratón de 21.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, gabou a traxectoria desta proba que xa vai pola súa vixésima edición da que dixo ser “a proba de atletismo máis importante de Vigo e unha das máis importantes de Galicia”. “O que comezaba como unha aventura de poucos no ano 2000 xa é unha tradición de todos”, enfatizou.

Deste xeito, o máximo responsable do Deporte galego salientou que a sona desta proba que en 2018 contou con 5.000 deportistas inscritos seguirá medrando porque “non hai mellor paraxe no mundo para facer deporte que as incomparables vistas dos concellos de Vigo, Nigrán e Baiona baixo a atenta mirada das Illas Cíes: un dos nosos mellores patrimonios paisaxísticos”.

A edición deste ano tamén rende homenaxe ao atleta vigués Carlos Pérez, olímpico en Roma 60, México 68 e Múnic 72. José Ramón Lete Lasa apuntou que o corredor olívico “situou o atletismo galego e español no mapa” e que nesas décadas “gañouse o recoñecemento de todo un pobo, Galicia, a admiración de todo un país, España, e o respecto de todo un continente, Europa”.