Nigrán abre o prazo de inscrición para a excursión de maiores á Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

O Concello de Nigrán, dentro do seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade, organiza o domingo 10 de marzo e por segundo ano consecutivo unha excursión á «XXII Festa do Lacón con Grelos» de Cuntis. O prazo de inscrición comeza este xoves 28 de febreiro e remata o martes 5 de marzo. O prezo é de 12 € e inclúe transporte e xantar. Os interesados deberán inscribirse na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (só se permite anotar a un máximo de 2 persoas por solicitante). A hora prevista de saída é ás 10:00 dende o Concello e de regreso as 19:00 horas.

A festa está declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia e combina a degustación gastronómica nunha carpa con actuacións musicais, celebracións do entroido e diversas actividades lúdico-culturais que atraen cada ano a miles de persoas.