“A nefasta xestión deixa patente a súa incapacidade para seguir no poder”

No pleno municipal celebrado na mañá deste luns quedou de manifesto a debilidade do Goberno de Baiona ante a incapacidade de sacar adiante os orzamentos para 2019. O portavoz e candidato do PSdeG-PSOE, Carlos Gómez, considera que “o alcalde e o seu grupo de goberno están amortizados e a nefasta xestión deixa patente a súa incapacidade para seguir no poder”.

Tras a presentación no pleno dos orzamentos para a súa aprobación definitiva, estes recibiron o rexeitamento da oposición en votación a man alzada e reafirmou a minoría plenaria e a realidade dunha situación de desgoberno para Baiona. O Grupo Municipal Socialista confirma que hoxe, máis que nunca, faise necesario un cambio no Goberno de Baiona e cre que é unha responsabilidade política facer chegar á cidadanía o que supón a gravidade do acaecido no pleno e fai un chamamento á reflexión para as votacións do próximo 26 de maio.

Anuncios