O Cansino, primeiro líder da Liga de Inverno J80

FOTO: ROSANA CALVO // O Cansino de Fernando Yañez colócase líder.

O Cansino converteuse este sábado no primeiro líder da Liga de Inverno da clase J80, que organiza o Monte Real Club de Yates e dispútase ata o próximo mes de abril na baía de Baiona.

O veleiro patroneado polo comodoro do club baionés Fernando Yáñez pechou os marcadores da terceira xornada –a primeira puntuable tras a anulación das dúas primeiras por mor da meteoroloxía- con dous puntos nas dúas probas disputadas cun vento do noroeste bastante frouxo, cunha media de 4-5 nós e picos de 7.

Na primeira proba, o Cansino cruzou a liña de chegada por diante do Okofen de Javier de la Gándara e do Namasté de Luis de Mira, que se situaron segundo e terceiro. O cruzamento dos tres pola liña de chegada foi moi axustado e esa situación volveu repetir na segunda proba.

Nela, o Cansino reiterou a súa vitoria, e o segundo e terceiro posto deron un envorco con respecto á proba inicial, situándose o Namasté de Luis de Mira por diante do Okofen de la Gándara.

O comité de regata, presidido por José Ángel Rodríguez, deu saída a unha terceira proba pero os veleiros apenas puideron disputar media hora de proba, xa que o vento desapareceu por completo e deixou estancados aos xotas sen poder completala.

Así as cousas, o Cansino con 2 puntos, e o Namasté e o Okofen con 5, métense de cheo na loita pola vitoria da Liga de Inverno. Máis abaixo na clasificación sitúanse, con 10 puntos, o Mondo de Bernardo Macedo; con 11 o Miudo de Carlos Hernández e o Pazo de Cea de María Campos; con 12 o Luna Nueva; e pechando clasificación tres barcos que aínda non puideron inaugurar marcador, o Cormorán II de Yago G. Robatto; o Virazón de Miguel Lago e o Cunichán de Javier Martínez Valente.

Tras esta xornada inaugural, a Liga de Inverno de J80 volve á auga en quince días, o sábado 9 de marzo, coa cuarta quenda de probas, que será a segunda puntuable. De novo, tres percorridos barlovento sotavento para unha frota disposta a pelexar por un título que se resolverá na última xornada, programada para o 6 de abril.

TOP 5 DA CLASIFICACIÓN TRAS A TERCEIRA XORNADA*

1. CANSINO • FERNANDO YÁNEZ
2. NAMASTÉ • LUIS DE MIRA
3. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA
4. MONDO • BERNARDO MACEDO
5. MIUDO • CARLOS HERNÁNDZ

* TERCEIRA XORNADA DO PROGRAMA, PRIMEIRA PUNTUABLE