Sin categoría

UGT presenta 13 demandas polas diferenzas salariais dos traballadores do Plan Concellos de Baiona

UGT acaba de presentar 13 demandas de traballadores contratados polo Concello de Baiona a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra no xulgado do social, sobre os soldos percibidos por eles durante o ano 2017.

As demandas baséanse en que os traballadores non percibían o soldo íntegro mensual que lle correspondía como a calquera traballador do Concello a través da equiparación salarial, e que así o considera a xuízo deste sindicato que debería de ser, deixando de pagar aos traballadores diferenzas ao redor de 300 euros menos ao mes. Cifras que ascenden por toda a duración do contrato ao redor de 3.000 euros por traballador.

Estas demandas son froito da negativa do Alcalde a abonar estas diferenzas salariais vía amigable, e así o fixo saber en senllas reunións informais con representantes de UGT e ao facer caso omiso ás alegacións presentadas por esta organización sindical ás bases de selección.

Inspección de traballo xa requiriu a finais do ano 2018 ao Concello de Baiona a que abonase as diferenzas salariais existentes entre os traballadores contratados polo concello a través do Plan Concellos e os fixos en persoal pero o Alcalde de momento fai caso omiso a este requirimento segundo o coñecemento que ten este sindicato.

Esta organización sindical, está en proceso de rematar ao redor de 20 demandas máis de traballadores contratados polo Concello co Plan Concellos no ano 2018 para poder darlles curso e que poderán ter un custo estimado de 60.000 euros para as arcas municipais se dá a razón o xulgado do social.

Por iso, esta organización sindical insta o alcalde e ao seu grupo de goberno a que abonen estas cantidades aos traballadores segundo requirimento, cun montante total estimado de máis de 90.000 euros entre salarios e cotizacións á seguridade social, antes de que se celebren os xuízos polo custo que este supoñería ás arcas municipais e en consecuencia aos veciños e veciñas de Baiona.