O Cineclub Val Miñor Alice Guy proxecta este xoves “Arroz Amargo”

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este xoves 21 de febreiro ás 20:30 horas a proxección da película “Arroz Amargo”, ofrecida polo Cineclub Val Miñor Alice Guy-Blaché en colaboración co Concello de Nigrán de xeito gratuíto. Este novo cineclub de Nigrán, que colle o nome da primeira muller en ser realizadora dunha longametraxe, ofrece un filme cada penúltimo xoves de mes no Auditorio Municipal.

“Arroz Amargo” é un filme neorrealista de 1949 dirixido por Giuseppe de Santis que retrata as duras condicións laborais das mulleres recolectoras de arroz no norte de Italia. Perseguida pola policía, a cómplice dun ladrón únese a un grupo de xornaleiras que se dirixen ás plantacións de arroz do val do Po. Unha vez alí, reúnese con ela o seu amante que planea apoderarse, coa axuda duns amigos, da colleita.