Motos, coplas, música, comparsas e moito máis no Entroido de Gondomar

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Desfile de Comparsas en Gondomar.

Este sábado arranca en Gondomar a programación de Entroido, organizada pola Concellería de Cultura, que se alongará ata o 16 de marzo e incluirá ruta moteira, coplas, concertos, comparsas, musicais, actividades infantís e o tradicional enterro da sardiña.

A festa iniciarase ás 16:30 horas coa celebración do V Moto Carnaval, organizado polo Moto Club A Cento Cien. A xornada inclúe ruta moteira polo Val Miñor, e despois unha parada para gozar duns petiscos, durante os cales se entregarán os premios aos tres mellores disfraces e ás tres motos máis orixinais. O gañador do concurso sairá no cartel do Moto Carnaval do 2020. A saída será desde a entrada da Rúa Eduardo Iglesias.

O domingo 24 de febreiro ás 12:00 horas terá lugar o Certame de Coplas de Entroido, que cumpre a súa terceira edición, organizado pola Asociación Centáurea, con pasarrúas previo ata a Praza da Alameda, onde as comparsas participantes interpretarán as súas respectivas coplas. O acto estará presentado polos regueifeiros Bieito Lobariñas e Luís Caruncho. As solicitudes de inscrición han de ser presentadas antes do 20 de febreiro e as bases e as instrucións para acceder ao certame están publicadas no Facebook da A. C. Centáurea. Se chove trasladarase ao Auditorio Lois Tobío.

O xoves 28 o Conservatorio Elemental de Música de Gondomar ofrecerá o seu Concerto de Entroido. En colaboración coa Banda Infantil e Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios, a partir das 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío preséntase un concerto con pezas arranxadas dun animoso repertorio de Michael Jackson. A entrada será gratuíta.

O venres 1 de marzo, a Concellería de Educación organiza o tradicional Desfile Escolar, no que participan cada ano centos de escolares do municipio. Saíndo ás 11:00 da mañá do aparcadoiro do Pavillón de Deportes, percorren as principais rúas do centro urbano. Pola tarde, a Compañía Boriska ofrecerá o Musical Disney “Sueño Infantil”, ás 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío con entrada gratuíta.

O domingo 3 ás 16:30 horas, dará comezo o Desfile-Concurso de Comparsas e Carrozas de Entroido, presentado pola cantante do Trío Azar. Ao finalizar o paso das comparsas inscritas, que percorrerán as principais rúas do centro urbano, e mentres o xurado delibera, a espera estará animada coa actuación do Trío Azar.

O luns 4 de marzo haberá unha Festa de Inchables no Pavillón de Deportes, desde as 16:30 ata as 19:30 horas, con inchables, un deles xigante de bólas, e o martes 5, no Auditorio Lois Tobío, a Festa Infantil “A Bailar no… Entroido”. Tamén haberá obradoiros de chapas, máscaras…

O mércores día 6 celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña. Ás 19:00 horas procederase á lectura do testamento, para a continuación iniciar a procesión, acompañada polo Grupo de Gaitas Novos Aires de Couso, polas principais rúas do centro urbano, para logo indultar ou queimar á sardiña.

Finalmente, o sábado 16 de marzo, Educateatro representará o musical “Carapuchiña Vermella” no Auditorio Lois Tobío. Haberá dúas sesións, ás 17:00 e ás 19:30 horas. O prezo da entrada será de 2,50 euros e o despacho de billetes abrirá unha hora antes do inicio de cada sesión e pechará durante o espectáculo. Non se venderán máis de 6 entradas por persoa.