
O salón de plenos do Concello de Baiona foi escenario do acto de entrega dos premios do concurso “Decorando Baiona no Nadal” que convoca a Concellería de Comercio dentro das súas actividades de promoción e dinamización comercial.
Na presente edición do concurso participaron 7 establecementos dos cales se valorou o mellor engalanado, a mellor decoración interior e a orixinalidade e innovación. Deles saíron os tres escaparates que mereceron este ano os premios.
Os premios dotados cada un deles con 250 euros máis o correspondente diploma recaeron na categoría por ser a fachada mellor decorada a “El Corralito”, o establecemento coa mellor decoración interior foi Estelas, S.L., e o local que levou o premio na categoría de orixinalidade e innovación recaeu sobre “Mi Casa”.
Na entrega estivo presente o rexedor, Ángel Rodal, que agradeceu e felicitou aos gañadores pola súa participación no concurso e pola súa contribución a dar ese toque do Nadal á vila. Pola súa banda a Concelleira de Benestar, Carmen Paredes, quixo destacar a participación dos establecementos e o agradecemento por animar e atraer ao público con este tipo de actuacións.