A Concellería de Cultura de Baiona abre este martes día 19 de febreiro o prazo de presentación de solicitudes para participar no Concurso de Comparsas de Entroido 2019, que terá lugar o próximo domingo 24 de febreiro co tradicional desfile que como vén sendo habitual partirá desde a Avda. Urbana de Sabarís ás 17:00 horas para rematar na rúa Carabela Pinta, onde o xurado deliberará e acto seguido entregaranse os premios. En caso de choiva, o concurso trasladarase ao martes 5 de marzo.
A inscrición deberá formalizarse na Oficina de Rexistro do Concello de Baiona ata o 21 de febreiro en horario de 9:00 a 14:00 horas ou na Sede Electrónica, presentando ademais o CIF e o certificado de conta bancaria da Asociación ou o DNI e certificado de conta bancaria dun representante da comparsa no caso de grupos informais, xunto coa declaración responsable de atoparse ao corrente das obrigas tributarias e de seguridade social.
Establécese un límite máximo de participación de 20 comparsas integradas por un mínimo de 12 persoas, que serán admitidas por rigoroso orde de inscrición no Rexistro Municipal do Concello, e deberán participar tanto no desfile do domingo 24 de febreiro como no Enterro da Sardiña, que terá lugar o mesmo día, a continuación do desfile, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa.
Repartiranse 6.500 euros en premios, desde os 900 euros para a comparsa gañadora ata os 650 euros para a segunda clasificada e 500 para a terceira. Entre as demais comparsas participantes, repartiranse o resto dos premios (4.450 euros) que se distribuirán de acordo co número de compoñentes: de 81 a 100 compoñentes (500 euros), de 61 a 80 (400), de 41 a 60 (300), de 21 a 40 (200) e de 12 a 20 compoñentes (100).
O xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, as letras, etc., designadas polo Concello, e valorará, entre outros aspectos, o vestiario, máscaras, maquillaxes, etc, axeitados á temática que representen, a orixinalidade, inxenio, caracterización, instrumentalización, etc., a actitude no desfile acorde co motivo na exhibición, a calidade e creatividade na exhibición e o número de compoñentes da comparsa.

