As instalacións de Zona Franca en Vigo, Nigrán e O Porriño abren as súas portas á cidadanía

FOTO: ZFV // Visita ao Centro de Negocios de Porto do Molle de alumnos do IES Escolas Proval.

As visitas á Zona Franca xa non estarán limitadas nin reducidas puntualmente a grupos de escolares e universitarios, ao sumarse á iniciativa da “Semana da Administración Aberta” calquera cidadá ou cidadán que desexe coñecer de primeira man o funcionamento da Zona Franca de Vigo, as súas instalacións e os seus parques empresariais, poderá facelo ao poñerse en marcha o programa denominado “Abrir Zona Franca”.

“Abrir Zona Franca” iniciará a súa andaina o próximo día 11 de marzo con motivo da convocatoria mundial da Semana da Administración Aberta 2019 que terá lugar o próximo mes. O seu obxectivo principal é achegar as Administracións Públicas á cidadanía, baseándose nos principios do Goberno Aberto: transparencia, rendición de contas, participación cidadá e colaboración. Esta iniciativa impulsouse a nivel mundial (Open Gov Week: https://www.opengovweek.org/) por parte da Alianza para o Goberno Aberto (OGP) e, no noso país, enmárcase dentro das accións de formación, sensibilización e educación do Terceiro Plan de Goberno Aberto de España.

A Zona Franca, como vén manifestando o actual delegado do Estado, David Regades, desde a súa toma de posesión o pasado mes de xullo, “non pode ser unha institución pechada e allea á cidadanía, é patrimonio de todas e todos e como tal ha de abrirse a eles”. Regades explicou esta mañá que ao sumarse a esta iniciativa «a Zona Franca quere dar resposta á vontade dunha sociedade que reclama naturalidade, proximidade e trasparencia o que supón seguir avanzando nesa demanda de portas abertas que solicita a cidadanía aos seus representantes públicos».

Os diferentes grupos pódense anotar para coñecer as instalacións de Zona Franca en Vigo, en Nigrán e no Porriño. Entre o día 11 e o día 15 de marzo, para dar as maiores facilidades, nestas xornadas realizaranse dous grupos de visitas: o de mañá será de 10 a 12 horas e o de tarde, entre as 16 e as 18 horas. As persoas participantes en Vigo farán nun percorrido guiado de aproximadamente 90 minutos pola Sede Central en Bouzas, o parque empresarial de Balaídos, o Parque Tecnolóxico e regresarán a Bouzas. En Nigrán, poderán coñecer en profundidade as actividades e instalacións do parque empresarial de Porto do Molle partindo e regresando ao Centro de Negocios. No parque empresarial da Granxa, e cos mesmos horarios de mañá e tarde, no Porriño, partirase e regresará desde o edificio que acolle o viveiro de empresas CIE A Granxa.

Todas as solicitudes deberán xestionarse a través de asociacións, entidades culturais, deportivas etc. Por operatividade, os grupos terán un aforamento limitado e para participar será necesario enviar unha ficha de inscrición debidamente cumprimentada, que pode descargarse directamente na páxina do Ministerio de Facenda: ou ben ao correo protocolo@zonafrancavigo.com.