Os populares de Nigrán esixen transparencia ao Concello nas obras públicas

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Asfaltado do Camiño das Laxes en Chandebrito.

O Partido Popular de Nigrán sinala nun comunicado que coa proximidade das eleccións municipais, o equipo de goberno está envolvido nunha actividade “febril” de formigonado e asfaltado de viarios. “Lamentablemente vén sendo costume antes das eleccións”.

Os populares lembran ao equipo de goberno a obrigatoriedade da sinalización de todas as obras públicas realizadas polo Concello, colocando carteis que indiquen a descrición da obra, o nº de expediente, o importe do investimento, a procedencia dos fondos, e o ámbito de aplicación (viario, camiño, praza).

“Débese fomentar a transparencia e informar os veciños convenientemente das obras que se están desenvolvendo na súa zona, para evitar malas interpretacións, ou mesmo denuncias”, indican desde o PP.

Carlos Abal, candidato á alcaldía, afirma que “estes comportamentos escurantistas non son propios dun goberno transparente e democrático, senón máis ben dun rancio pasado, que moitos critican pero que curiosamente practican sen escrúpulo algún, é realmente lamentablemente”. Así mesmo, manifesta publicamente o seu firme compromiso coa transparencia en todas as obras, accións e servizos que preste o Concello, para que o cidadán, como non pode ser doutra forma, poida coñecer con detalle o uso dos seus impostos.

Anuncios