Comeza a 6ª edición de ViaGalicia

ViaGalicia, a primeira aceleradora de Galicia abre hoxe, e ata o próximo 1 de abril, o prazo de recepción de proxectos que queiran participar nesta sexta edición para mellorar os seus modelos de negocio e poder chegar a adquirir financiamento para o seu crecemento e consolidación no mercado.

“Nesta edición priorizaremos a calidade dos proxectos fronte á cantidade e apoiaranse aquelas iniciativas que demostren maior fortaleza no seu sector e maior capacidade para xerar emprego e riqueza no noso territorio” afirmou David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, sobre esta nova edición. Nesta liña, a capacidade de achegar valor engadido ao tecido empresarial galego, de dinamizar os sectores estratéxicos e de consolidarse no mercado, as aptitudes do equipo e o seu potencial para atraer investimentos, serán algunhas das claves que valorará o Comité para a selección dos proxectos.

Cun orzamento de 2 millóns de euros, ViaGalicia prestará aos proxectos seleccionados formación, mentoring, titorización, espazos de coworking e, finalmente, financiamento a aquelas startups que cheguen á fase de aceleración. As solicitudes para participar poden presentarse a través da web viagalicia.gal.

Do Startup Day á presentación a investidores

Tras a recepción de candidaturas, levarase a cabo unha primeira selección dun máximo de 80 proxectos entre as dúas sedes de ViaGalicia (situadas en Vigo e Lugo), que poderán participar no Startup Day. Nesta xornada avaliaranse as habilidades dos emprendedores e sairán seleccionados ata 40 proxectos (20 por sede) para a súa pre-aceleración durante a fase de Academia. Durante estas sete semanas de Academia, achegaránselles as ferramentas e coñecementos necesarios para mellorar o seu modelo de negocio e a comunicación da súa proposta de valor.

Posteriormente, no Demo Day, defenderán a súa proposta fronte ao Comité Técnico, formado por expertos de ViaGalicia e por representantes das entidades colaboradoras. O Comité seleccionará os mellores proxectos –ata un máximo de 15-, que pasarán á fase de Aceleración durante un período de seis meses no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán). Co apoio dun experto equipo de titores e mentores, os emprendedores prepararán a presentación dos seus proxectos empresariais a futuras roldas de investimento. A sexta edición finalizará coa celebración do Investors Day, xornada na que defenderán os seus proxectos fronte a empresas, colaboradores e fondos de investimento.

Oito millóns de investimento

Desde a súa posta en marcha no ano 2013, xa se investiron 8 millóns de euros neste programa de aceleración, ao que se presentaron máis de 1.000 candidaturas e das que se impulsaron máis de 160 proxectos. En total, formalizáronse 68 empresas, xerando así 340 novos empregos.