Anuncios
Ticker de novas

O Vigo-Rías Baixas estréase defendendo coroa no Memorial Sanroma

A localidade cidaderealeña de Almagro volve ser unha tempada máis o punto de partida do Vigo-Rías Baixas. A entidade presidida por José Luis Chamorro inicia esta fin de semana o seu calendario 2019 participando no Memorial Manuel Sanroma, unha proba de dúas xornadas que lle trae moi bos recordos. O ano pasado sumou en terras manchegas o primeiro triunfo dun exitoso curso.

Para tentar repetir a vitoria na clasificación xeral lograda co catalán Francesc Zurita en 2018, o Vigo-Rías Baixas presentará nesta ocasión unha aliñación infestada de fichaxes. Seis dos sete corredores que estarán ás ordes do director deportivo Iván Rodríguez incorporáronse ao equipo durante os últimos meses: Samuel Blanco, Carlos Cobos, Julián Barrientos, Gabriel Ochando, Lois Rodríguez e Santi Martínez. O sete flúor complétao Óscar Justo, que repite respecto á pasada campaña.

A vixésima edición deste memorial que homenaxea ao malogrado esprínter Manuel Sanroma, falecido durante a Volta a Catalunya de 1999, poñerase en marcha o sábado ás 16:00 horas cunha xornada de 105 quilómetros. O municipio de Almagro repetirá como punto de inicio e final dos 150 quilómetros que se cubrirán o domingo a partir das 10:00 horas. O vento será un factor para ter moi en conta nestas dúas etapas de perfil chairo.

Nesta cita tamén se estreará Gorka Beloki como mánager deportivo do club. Baixo a súa dirección, o primeiro gran obxectivo do renovado Vigo-Rías Baixas será brillar a partir da próxima semana na Copa de España. A primeira proba puntuable disputarase o domingo 24 de febreiro, polo que o Memorial Manuel Sanroma supón un último test para valorar o estado de forma dos corredores antes de que arrinque o certame máis prestixioso do campo elite e sub23 español.

Anuncios