Cidadáns Baiona solicita ao Concello que se adhira ao programa “Doing Business Galicia”, unha plataforma de colaboración da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a redución das cargas administrativas ás empresas. Outros concellos sumáronse xa a esta iniciativa facendo máis atractivos os seus polígonos e o seu chan industrial, captando así, novas empresas e emprendedores que deciden comezar ou realizar a súa actividade produtiva nestas localidades.
Desde Cidadáns valórase como “moi necesario” que Baiona pase a ser un dos integrantes da lista de concellos que contan con estas axudas ao emprendemento e por iso, desde a agrupación da formación laranxa na localidade presentouse un escrito para pedir ao goberno local que se some. “É sen dúbida unha oportunidade para atraer empresas e xerar novos postos de traballo non debemos desperdiciala”, comentou o portavoz de Cs, Valverde Quintas.
Desde Cidadáns Baiona, o seu portavoz valora positivamente estas axudas que se fan efectivas mediante incentivos e bonificacións do IBI (Imposto de Bens inmobles), do IAE (Imposto de Actividades Económicas) e do ICIO (Imposto de Construción, Instalacións e Obras) para aquelas empresas que xeren emprego no municipio. “Baiona necesita atraer investidores. Os nosos ingresos por IAE son moi baixos e a estacionalidade do turismo provoca uns índices de desemprego que desde a Administración pública local debemos combater utilizando todas as ferramentas postas a disposición”.

